Portada de Universo diverso: dúas persoas e un alien viaxan nun disco voador entre planetas coas cores das bandeiras LGBTIQA+
Álbum ilustradoDivulgaciónNovidade 2026De 9 a 99 anos (ou máis!)

Universo diverso

Unha viaxe pola galaxia LGBTIQA+

Eva Mejuto e Nee Barros · Ilustracións de Julia Lago

Un álbum de divulgación para explorar, da man dun alien moi curioso, a diversidade sexual e de xénero: das siglas LGBTIQA+ ás bandeiras, da natureza á historia de Galicia.

Ver en Xerais Recursos do libro 15,50 € · Xerais, 2026

Sobre o libro

Sinopse

«A diversidade está en todas as partes. Só hai que aprender a vela!»

Que pasaría se un extraterrestre aterrase na Terra sen saber nada de nós? Eva e Nee embárcanse nunha viaxe espacial para explicarlle, desde cero e con moito humor, que é iso da diversidade. Cada planeta ten a súa cor, como a bandeira do arco da vella, e cada páxina achega unha peza nova: que significa cada letra das siglas LGBTIQA+, que simbolizan as bandeiras, que palabras usamos para falar de identidade, atracción e corpo, e como a natureza demostra que hai infinitas maneiras de ser.

O libro percorre tamén a historia, de Safo de Lesbos a Elisa e Marcela e de Stonewall ás conquistas máis recentes, presenta referentes LGBTIQA+ e convida a reflexionar sobre o acoso, a diversofobia e a empatía. Coas ilustracións cheas de cor de Julia Lago, é unha ferramenta para rapazada, familias e profesorado que queiran mirar o mundo con outros ollos.

Que atoparás dentro

  • Que é iso da diversidade?
  • Sopa de letras
  • Os símbolos
  • Algúns conceptos
  • Diversidade e natureza
  • Un pouco de historia
  • A importancia de ter referentes
  • Quen é ou que é normal?
  • Datas que celebrar con orgullo

Follea o libro

Páxinas interiores

Dobre páxina «Os símbolos»: unha multitude sostén a bandeira do Orgullo Progress
«Os símbolos», pp. 16–17
Dobre páxina sobre a diversidade de persoas e familias
«Que é iso da diversidade?», pp. 10–11
Dobre páxina «Diversidade e natureza» con peixes, cabaliños de mar, pingüíns, bonobos, flores e fungos
«Diversidade e natureza», pp. 20–21

Ilustracións © Julia Lago, 2026 / Edicións Xerais. Reproducidas con permiso.

A tripulación

Autoría e ilustración

Na prensa

Falan de nós

Fixéronnos unha entrevista moi guai no Faro Educa, a ver que vos parece!

«A diversidade fai o mundo máis amplo para que caibamos todes»
Entrevista a Eva Mejuto e Nee Barros por Uxía Miranda · Faro Educa, Faro de Vigo, 29 de setembro de 2026
Ler a entrevista

Datos do libro

Ficha técnica

Dispoñible en librarías e na web da editorial.

Ver en Xerais
Título
Universo diverso. Unha viaxe pola galaxia LGBTIQA+
Texto
Eva Mejuto e Nee Barros
Ilustracións
Julia Lago
Editorial
Edicións Xerais de Galicia
Colección
Álbum ilustrado · Divulgación e coñecemento
1.ª edición
Setembro de 2026
Formato
21 × 26 cm
Páxinas
48
Encadernación
Cartoné
ISBN
978-84-1110-855-3
Idade recomendada
De 9 a 99 anos (ou máis!)
Lingua
Galego
PVP
15,50 €

Recursos · evamejuto.gal/universodiverso

Tamén recomendamos…

No libro prometemos que aquí estaría a biblioteca colorida que non nos cabía nas páxinas. Velaquí unha escolma de libros, filmes, cancións, pódcasts e canles para seguir explorando o universo diverso, ordenada por idades.

Chegaches desde o código QR do libro? Estás no sitio axeitado!

Filtrar por idade
LecturaÁlbum ilustrado infantil

Con Tango son tres

Justin Richardson e Peter Parnell

Ocurreu no zoo de Central Park, en Nova York. Tango foi a primeira pingüín que tivo dous pais. Unha familia diferente que nada, salta, xoga no estanque e que é feliz.

Idade
A partir de 3 anos
Lingua
Orixinal en inglés, ten versión en galego
LecturaÁlbum ilustrado infantil

A historia dos bonobos con lentes

Adela Turín

Bonobas e bonobos vivían xuntes na fraga, mais eles tiñan privilexios dos cales elas carecían: comían, viaxaban e modernizábanse, mentres elas recolectaban comida e criaban a prole. Até que as bonobas cansaron…

Idade
A partir de 6 anos
Lingua
Orixinal en italiano, ten versión en galego
LecturaLibro ilustrado / biografía infantil

Eduardo Blanco Amor

Éric Dopazo e Bea Gregores

Conta a historia de Eduardo Blanco Amor, un escritor galego que pasou a vida escribindo e viaxando, sempre cunha cámara na man ou unha historia na cabeza. Atreveuse a ser el mesmo nunha época en que pouca xente o facía.

Idade
A partir de 7 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaLibro ilustrado / biografía infantil

Elisa e Marcela

Eva Mejuto e Bea Gregores

Elisa e Marcela foron dúas mulleres galegas que, a principios do século XX, protagonizaron un feito histórico: casaren. Elisa adoptou a identidade do seu curmán falecido Mario para casar coa súa amada Marcela, nunha época en que o amor entre persoas do mesmo xénero estaba prohibido.

Idade
A partir de 7 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela

Mamá, quero ser Ziggy Stardust

Iria Misa

Aine ten 9 anos, está de vacacións e descubre un músico con roupa que non parece de home nin de muller. Unha estrela de rock que muda de aspecto como os camaleóns. Decide que, cando medre, tamén será un músico marciano que poida ser o que lle pete.

Idade
A partir de 9 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaGuía ilustrada de educación sexual (álbum ilustrado)

O mapa da túa sexualidade

Laura Veiga

Sabías que a túa sexualidade é como un mapa que se vai debuxando a medida que medras? Un mapa cheo de camiños, preguntas, emocións e descubrimentos que te axudan a entender quen es e como te relacionas co mundo. Neste libro atoparás unha guía clara, divertida e coidada para comprender como funcionas por dentro e por fóra: o corpo que medra, os sentimentos que ás veces enredan, o xénero, o desexo, a orientación sexual... e moito máis!

Idade
De 9 a 13 anos (lectorado avanzado)
Lingua
Orixinal en galego
Audiovisual e músicaFilme de animación

Nimona

Nick Bruno e Troy Quane

Unha rapaza metamorfa xúntase cun cabaleiro acusado inxustamente nunha aventura. Xuntes, desafían un reino cheo de prexuízos con acción, humor e rebeldía.

Idade
A partir de 11 anos
Lingua
Orixinal en inglés, mais con versión en galego (tanto dobraxe como subtítulos)
LecturaObra de teatro

Identidade

Nee Barros

Zé é un adolescente trans que decide saír do armario. Moita xente da súa contorna non entende o que son as identidades trans, e el terá que percorrer un camiño na escola, coa familia e coas amizades para reivindicar a súa realidade.

Idade
A partir de 12 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela

Fóra do normal

María Reimóndez

André, igual que os superheroes, vive en conflito coa súa identidade. Encontra nas súas amizades unha "Patrulla Trans" que lle amosa que a verdadeira heroicidade é resistir sendo unhe mesme.

Idade
A partir de 12-13 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaSaga de 6 cómics cunha adaptación para serie de televisión

Heartstopper

Alice Oseman

O Charlie e o Nick están no mesmo instituto, mais nunca se coñeceron... até o día en que teñen que sentar xuntos. Axiña se fan amigos, e o Charlie comeza a namorar do Nick, aínda que pensa que non ten ningunha oportunidade.

Idade
A partir de 13 anos
Lingua
Orixinais en inglés. As 6 bandas deseñadas están traducidas ao galego, a serie só ao portugués e ao castelán.
LecturaNovela

22 segundos

Eva Mejuto

Álex é un mozo trans que grava un vídeo para compartir a súa realidade. Mentres o arquivo de 22 segundos se sobe á rede, repasa en primeira persoa anacos da súa infancia e adolescencia.

Idade
A partir de 13 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela xuvenil

Furia

María Reimóndez

Despois da morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de 16 anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa súa tía-avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, aparece o boxeo.

Idade
A partir de 13 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela distópica apocalíptica

DX

Eli Ríos

Andre e Morgan traballan en DX, unha empresa punteira en biotecnoloxía na Coruña. Na noitevella de 2029 entablan unha relación xusto antes de que estale unha epidemia de ton apocalíptico.

Idade
A partir de 14 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaAntoloxía poética

Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe

Jesús Castro Yáñez (escolma e tradución) / VV.AA.

Antoloxía poética que reúne versos de temática LGBTIQA+ de diversas épocas e culturas. Fai un percorrido pola historia da poesía universal para amosar como a diversidade sempre estivo presente.

Idade
A partir de 14 anos
Lingua
Galego
Audiovisual e músicaCanal de YouTube (recursos educativos audiovisuais)

Neeumatiko

Canal de YouTube

Canal que explica conceptos básicos sobre xénero e a realidade das persoas trans e non binarias. Mestura recomendacións literarias, análises de obras e activismo LGBTIQA+, cunha clara intención divulgativa e educativa.

Idade
A partir de 14 anos
LecturaNovela

Loveless

Alice Oseman

Georgia ten 18 anos e nunca namorou, nunca bicou a ninguén, nunca sentiu un frechazo. Como persoa obsesionada cos fanfics, sempre estivo segura de que un día encontraría a persoa axeitada. Mais ao comezar a universidade, decátase de que o amor non é só o romántico e cuestiona a súa orientación.

Idade
A partir de 15 anos
Lingua
Orixinal en inglés. Existen traducións ao portugués e ao castelán.
LecturaTriloxía de novelas distópicas

Triloxía dos seres completos (Cobiza, Multitudes, Retorno)

María Reimóndez

Triloxía de ciencia ficción feminista ambientada nun futuro despois da Gran Desconexión, un cataclismo que transformou o mundo coñecido. As protagonistas son seres completos, criaturas de materia vexetal con forma humana, que loitan por sobrevivir nun mundo que as clasifica, comodifica e explota. A triloxía aborda a construción do xénero, da racialización, a identidade, a orientación sexual e a relación entre humanes e natureza cunha ollada feminista e ecoloxista.

Idade
A partir de 16 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela

Nom estamos quebrades

Nee Barros

Despois de romper co seu mozo, Eva, estudante de Filoloxía, comeza a cuestionar a súa sexualidade, o seu xeito de se relacionar coes demais e sente a presión do entorno por encaixar. Coa axuda do seu mellor amigo Edu e doutras persoas que topa no camiño, comeza a entender o que lle está a acontecer.

Idade
A partir de 16 anos
Lingua
Orixinal en galego
Audiovisual e músicaPódcast (serie de entrevistas)

REFERENTES: Memoria LGBTIQA+ Galega

Avante LGBT+ Pontevedra

Un pódcast que recupera a memoria das persoas LGBTIQA+ galegas que precederon as xeracións actuais na loita polos seus dereitos. A través de conversas en primeira persoa, o colectivo Avante LGBT+ de Pontevedra tece un relato diverso e colorido da memoria.

Idade
A partir de 16 anos
Lingua
Orixinal en galego
LecturaAntoloxía de relatos

Alguén nos lembrará

VV.AA.

Antoloxía con quince relatos de quince persoas novas e diferentes arredor da disidencia de sexo e xénero. Quince voces de ata 30 anos que escriben co convencemento de que, como dixo Safo, "Alguén nos lembrará".

Idade
A partir de 16 anos / público adulto
Lingua
Orixinal en galego
LecturaNovela

Trompeta

Jackie Kay

Ao falecer Joss Moody, célebre trompetista de jazz, desvélase un aspecto da súa vida que permanecera alleo á ollada pública. Mentres a súa viúva Millicent se refuxia na aldea escocesa de Torr, o fillo Colman acolle o achado con irado desconcerto. Estas e outras personaxes completarán o relato dun tipo cunha vida xenuína, que grazas ao amor puido transcender os convencionalismos e rebelarse contra a visión monolítica das relacións humanas.

Idade
A partir de 16 anos / público adulto
Lingua
Orixinal en inglés, conta cunha tradución ao galego
LecturaEnsaio divulgativo

Fodemos? De que (non) falamos cando falamos de sexo - sexualidades

Bel Olid

Un ensaio sobre as relacións sexuais e os prexuízos que levan asociados. Seguir o desexo, compartir o pracer... parece doado, mais vivimos sexualidades condicionadas por expectativas, suposicións e tabús.

Idade
A partir de 16 anos / público adulto
Lingua
Orixinal en catalán, existe versión en galego
LecturaEnsaio / libro divulgativo

A defunción dos sexos

Daniela Ferrández

Ensaio divulgativo que recupera a memoria das disidentes sexuais na Galiza contemporánea. A través de fontes de arquivo e xornalísticas, a autora reconstrúe os itinerarios vitais de persoas que, desde finais do século XIX, viviron á marxe da norma sexual imperante e se enfrontaron ao xugo dunha sexualidade obrigatoria que as condenaba ás marxes e ao ostracismo.

Idade
A partir de 16 anos / adulto
Lingua
Orixinal en galego
LecturaManual / guía de lingua

Guia de linguagem não binária

Daniel Amarelo, Nee Barros e Alva Lourenço

Unha guía práctica sobre o funcionamento da linguaxe non binaria. Explica conceptos básicos, a historia e as orixes da proposta, e ofrece exemplos de uso e exercicios útiles tanto para a norma reintegracionista como para a ILG-RAG.

Idade
A partir de 16 anos / adulto
Lingua
Orixinal en galego reintegrado
Audiovisual e músicaCanción

Eduardita

Piratas sen parche

Canción-himno que reivindica a figura de Eduardo Blanco Amor e lle dá a volta aos insultos que lle berraban polas rúas de Ourense. "Envexosos vós, que eu levo o amor no nome, non sabedes o que é", canta a banda.

Idade
Todos os públicos
Lingua
Orixinal en galego
Guía de recursosGuía de recomendacións

As guías de Queeruña

Clube de lectura Queeruña (A Coruña)

Na Coruña existe un clube de lectura chamado Queeruña. Todos os anos publican guías con recomendacións de materiais LGBTIQA+. Nelas podes descubrir moitos outros filmes, novelas, cómics, poesía… ordenados por idades e dispoñibles nas bibliotecas públicas. Nesas guías tamén hai información e recursos para a túa familia e profesorado.

Idade
Todos os públicos (organizadas por franxas de idade)
Lingua
Orixinal en galego, mais con recursos en diversos idiomas
Guía de recursosRede educativa / recursos para o profesorado

Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia

Rede de docentes

Unha rede de docentes que traballan para levar a diversidade ás aulas, cunha chea de iniciativas e recursos na súa páxina web. É un luxo ter profes así no país!

Idade
Profesorado, familias e centros educativos
Lingua
Galego

Estamos aínda traballando nesta biblioteca colorida, seguiremos actualizando e engadindo recursos.